Sunday 28 de April de 2024

O Concello inicia a execución do saneamento nos lugares de Balbén, Ameás e A Ramalleira, na parroquia de San Vicente de Vigo


· Estas actuacións están englobadas dentro dunha 1ª fase. Na 2ª fase do proxecto actuarase noutras zonas de San Vicente de Vigo.

O Concello de Carral iniciou, esta semana, a execución do saneamento nos lugares de Balbén, Ameás e A Ramalleira, na parroquia de San Vicente de Vigo. Estas actuacións, englobadas dentro dunha primeira fase, están a realizarse con cargo ao POS+ adicional 2019 da Deputación da Coruña.

O proxecto do Concello servirá para instalar preto de 2.000 metros lineais de colector, dotando aos lugares de Balbén, Ameás e A Ramalleira deste servizo. A intención do goberno local é deixar todo preparado para arrincar a segunda fase, que abarcará outros lugares dá parroquia.

O alcalde de Carral, Javier Gestal, supervisou, esta semana, o inicio das obras e informou as persoas residentes sobre estas obras, así como sobre o procedemento que se seguirá para as conexións á rede.

Co inicio destas obras, o equipo de goberno dá un primeiro paso para cumprir unha vella demanda dos veciños e veciñas da parroquia. Así, a pesar de que nesta parroquia está situada a depuradora do municipio, San Vicente de Vigo non dispón deste servizo.